Marraxo azul
Marraxo azul (Isurus oxyrinchus) | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Vulnerable | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Isurus oxyrinchus Rafinesque, 1810 | |||||||||||||||||||
Distribución do marraxo azul
|
O marraxo azul [1][2][3] é unha especie de elasmobranquio da orde dos lamniformes (Lamniformes) e familia dos lámnidos (Lamnnidae),[4] de moi ampla distribución, xa que se encontra nos océanos Pacífico, Atlántico e Índico e nos mares Mediterráneo e Vermello.
Comestíbel, é un erro moi común confundir a súa branca carne coa do mero ou cherna (Polyprion americanus), do mero de altura (Epinephelus marginatus) e do emperador (Luvarus imperialis), chegando a crerse que son o mesmo peixe e cotizándose ao mesmo prezo; porén, estas catro especies son moi diferentes en aspecto e taxonomía: os meros e o emperador son peixes da clase dos actinopterixios (Actinopterygii), cuxo esqueleto é óseo), mentres que o marraxo azul pertence á clase dos condrictios (Chondrichthyes), de esqueleto cartilaxinoso.
O marraxo azul pertence á mesma familia que o tiburón branco, pero é de tamaño bastante menor e, a diferenza del, é un tiburón asociado ás profundidades, sendo estraño velo en augas pouco profundas e próximas á costa.
Descrición
[editar | editar a fonte]As principais características deste peixe son:[2]
- Corpo fusiforme, moderadamente alongado, robusto e moi hidrodinámico.
- Ollos arredondados, negros e moderadamente pequenos.
- Fociño longo e cónico, rematado en punta.
- Boca grande e estreita, arqueada en forma de U, con amplos diastemas separando ambas as hemimandíbulas.
- Dentes como follas de barbear, sen cúspides nin bordos serrados.
- 5 fendeduras branquiais grandes.
- Aletas pectorais medianas e de extremos arredondados, bastante estreitos. Dúas aletas dorsais, a primeira grande e a segunda pequena e pivotante, o mesmo que a anal; aleta caudal grande, en forma de lúa crecente, con lobos anchos; quillas fortes no pedúnculo, sen quillas secundarias.
- Cor do dorso e os flancos azul intensa; as zonas ventrais de cor branca.
Tamaño
[editar | editar a fonte]Os marraxos azuis son tiburóns de gran tamaño, normalmente de até os 3,5 ou os 4 m de lonxitude, con pesos de até 700 ou 750 kg. Hai unha cita rexistrada dunha femia de 4,5 m (as femias son de maior tamaño que os machos).[Cómpre referencia]
Historia natural
[editar | editar a fonte]- Especie de superficie propia de augas quentes, achándose raramente en augas de menos de 16 °C. Aínda que peláxico e de hábitos oceánicos, en ocasións se achega ás costas en busca de alimento, chegando a penetrar en praias e portos.
- Aliméntase doutros peixes, incluíndo tiburóns, sendo un dos poucos depredadores que ten o peixe espada. É un poderoso e veloz cazador de todo tipo de presas; a súa dieta consiste en peixes pequenos como xardas, arenques, xurelos, sardiñas; medianos, como o bonito e outros túnidos, ou grandes como o atún vermello, o peixe espada, os marlíns e os peixes vela (da familia dos istiofóridos), pero tamén come luras, outros tiburóns, tartarugas mariñas, e toniñas, golfiños e outros pequenos cetáceos.
- É ovovivíparo e caníbal uternio (cando unha femia ten crías no seu ventre, as máis desenvolvidas comen aos seus irmáns máis pequenos e aos ovos se eclosionar —oofaxia—).[5][6]
- As camadas son de 4 a 16 crías que miden ao naceren entre 60 e 70 cm. Os machos maduran sexualmente ao acadaren ao redor dos 192 cm, e as femias cando chegan a medir 280 cm.[2]
- Ao igual que o resto dos tiburóns pertencentes á familia dos lámnidos, os marraxos azuis poden manter unha temperatura corporal superior á do medio (son homeotermos parciais) o que lles permite realizar unha dixestión máis rápida, triplicar a súa forza muscular ou actuar máis rapidamente.
- Debido ao seu gran tamaño, dentición e agresividade, estes tiburóns son considerados como perigosos, xa que se teñen rexistrados ataques seus a seres humanos, tanto provocados como sen provocar. Son tamén responsábeis de ataques a embarcacións (nas que en ocasións saltan a bordo, sobre todo durante a práctica da súa pesca deportiva).[4]
Velocidade
[editar | editar a fonte]O marraxo azul é un tiburón moi activo, de forza descomunal e gran velocidade. Segundo probas recentes, pode chegar a alcanzar velocidades punta de máis de 124 km/h, o que lle outorga o posto de animal máis rápido do océano, posición que anteriormente se atribuía ao peixe vela cos seus 110 km/h. O secreto de tal potencia e velocidade é a súa perfecta hidrodinámica, a súa potente masa muscular, á súa aleta caudal en forma de media lúa e ao feito de ser homeotermo. Dita combinación de forza e velocidade lle confire a capacidade de saltar moi alto fóra da auga, ao igual que o fai o tiburón branco; ditos saltos adoita realizalos cando está prendido nun anzol de pesca, e poden alcanzar entre 6 e 8 m de altura.[Cómpre referencia]
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]O status do marraxo azul está considerado pola IUCN como VU (vulnerábel).[4][6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rodríguez Solórzano et al. (1983), p. 33.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Rodríguez Villanueva et al. (1992), p. 48.
- ↑ Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multiligüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 185.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Froese, R. & Pauly, D. (Eds.) (2009): FishBase.Isurus oxyrhinchus. Versión 10/2009 Arquivado 09 de maio de 2016 en Wayback Machine. (en castelán) Consultada o 28/11/2012.
- ↑ "More oceanic sharks added to the IUCN Red List". IUCN. 22/02/2007. Arquivado dende o orixinal o 06/07/2008. Consultado o 28/11/2012..
- ↑ 6,0 6,1 Cailliet, G. M.; Cavanagh, R. D.; Kulka, D. W.; Stevens, J. D.; Soldo, A.; Clo, S.; Macías, D.; Baum, J.; Kohin, S.; Duarte, A.; Holtzhausen, J. A., Acuña, E.; Amorim, A. & Domingo, A. (2004): Isurus oxyrinchus Arquivado 11 de xullo de 2012 en Wayback Machine. en IUCN 2010. Lista Vermella de Especies Ameazadas da IUCN. Versión 2010.2. Consultada o 28/11/2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Marraxo azul |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Marraxo azul |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Compagno, Leonard; Marc Dando & Sarah Fowler (2005): Sharks of the World. New Jersey: Princeton University Press. ISBN 0-691-12072-2.
- Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
- Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (I) Lampreas raias e tiburóns. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
- Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- arkive.org. Vídeos, imaxes e amplas informacións sobre o marraxo azul (en inglés) Consultada o 28/11/2012.
- Biology of the Shortfin Mako (Isurus oxyrinchus) Ampla información sobre a especie. (en inglés) Consultada o 28/11/2012.
- Isurus oxyrhinchus na Lista Vermella da IUCN (en inglés) Consultada o 28/11/2012.
- ITIS Report Información taxonómica. (en inglés) Consultada o 28/11/2012.
- Vídeos para o gran público
- Vídeo de Natural History New Zealand Ltd. Tiburón Mako, Rápido Inteligente y Mortal (en castelán) Consultado o 28/11/2012.
- Vídeo. Marrajo de 350 kg (en castelán) Consultado o 28/11/2012.